Xuño 2013
FIN DE SEMANA EN VIANA DO CASTELO- RÍAS BAIXAS 2
VIANA DO CASTELO E AS RÍAS BAIXAS FORON ELEXIDAS POLO COLECTIVO “FRAGA DAS SAÍMAS” COMO DESTINO TURÍSTICO PARA DISFRUTAR DUNHA FIN DE SEMANA DE OCIO E TEMPO LIBRE.
A asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” ven de organizar esta fin de semana unha viaxe a terras portuguesas e as Rías Baixas. Unha das múltiples actividades socio-culturais programadas para o 1º semestre do ano 2013 polo colectivo de mulleres de Santo André de Boimente.
O grupo de viaxeiros do colectivo “Fraga das Saímas”, formado por máis de corenta socias, veciñas e amigos, viaxou con Viajes Lucus durante catro horas ata chegar a Vila Nova de Cerveira, onde fixeron a súa primeira parada para repoñer forzas cun xantar típico portugués. Logo deste descanso visitaron o Castelo de Vila Nova de Cerveira, construído sobre outro derruído no século XV, pasearon á beira do Minho e “perdéronse” no famoso mercadillo desta tranquila cidade, un dos maiores de toda a península. Xa a tardiña continuaron a ruta ata o alto do monte de Santa Luzia para admirar a beleza da súa famosa Basílica construída a comezos do século XX copiada do Sacré Couer de Montmartre en París. Mais, a pesares de subiren á cúpula da Basílica, a densa néboa impedíulle ao grupo de viaxeiras/os poder gozar da extraordinaria vista que un día despexado, desde ali, se pode observar sobre o estuario do río Lima, a cidade e o mar.
Á noite as viaxeiras e viaxeiros achegáronse á Quinta de Santoinho para cear neste famoso e turístico restaurante rexional, xunto a outras 1500 persoas, onde foron agasallados cunha sesión de folclore minhoto, unha demostración da malhada, marchas, música para bailar e onde ademais de cear, bailar e divertirse puideron tamén gozar da exposición permanente dunha variada colección de alfaias e utensilios do campo, de tanques, lagares, pías e figuras en granito, de espigueiros origixinarios, dunha adega rexional, de antigas viaturas de transporte, carros de bois e de cabalos, así como de autocarros, automóviles, ou unha locomotora do século XIX, entre outros elementos etnográficos.
O domingo as viaxeiras/os amenceron nas Rías Baixas, onde visitaron durante a mañá Sanxenxo, as súas praias e achegáronse ata o seu principal núcleo urbano, a vila mariñeira de Portonovo, para pasear polas súas rúas, visitar a súa lonxa, a Capela de Santa Catalina e o seu mirador.
Esta fin de semana de ocio e tempo libre clausurárona cunha mariscada, queimada e baile no hotel Galicia Sun.
NOTA Se queredes ver ou descargar máis fotos podedes ir ao Album de fotos de Viajes Lucus
- blogue de Fragadassaimas
- 2 comentarios
- 11058 lecturas
Xuntanza Anual de "Tempo Gañado"
Un ano mais a Asociacion Mulleres Rurais de Salvaterra de Miño "Tempo Gañado", ven celebrar a sua Xuntanza anual de socias.
Este ano farémola no dia 7 de xullo e visitaremos as localidades de Cee, Ézaro e Fisterra, na Coruña.
Como é costume neste acontecimento, a Asociación paga o autobús e cada socia somente terá que pagar a comida.
As prazas son limitadas, e resteperase o orden de inscripcion, se non queres quedar sem a tua praza, fala con a tua vocal ou chama ao telefono 678 920 510.
Saúdos a tod@s dende a diretiva.
- blogue de tempoganado
- Engadir novo comentario.
- 10996 lecturas
CONCURSO FOTOGRAFÍA imaxesRAPAcandaoso2013
A DIRECTIVA DE MULLERES "FRAGA DAS SAÍMAS" PON A ANDAR A ORGANIZACIÓN DO CONCURSO FOTOGRÁFICO “imaxesRAPAcandaoso-2013” CO OBXECTO DE CONTRIBUÍR AO FOMENTO E Á PROMOCIÓN DA RAPA DAS BESTAS DO CURRO DO CANDAOSO QUE SE CELEBRARÁ O 1º DOMINGO DE XULLO DE 2013.
No marco da celebración, na parroquia de Santo André de Boimente, da súa XLV edición da “Rapa das Bestas do Curro do Candaoso” a Asociación de Mulleres Rurais “Fraga das Saímas” convoca o Concurso de Fotografía baixo o lema “imaxesRAPAcandaoso-2013”.
Con esta iniciativa preténdese contribuír ao fomento e á promoción da Rapa das Bestas do Curro do Candaoso, na parroquia de Santo André de Boimente. Unha das festas de interese turístico máis ancestrais e de maior arraigo do Concello de Viveiro que celebrará a súa XLV edición, como é costume, o primeiro domingo do mes de xullo de 2013.
Desde a asociación Fraga das Saímas inténtase poñer en valor o patrimonio paisaxístico que conforma a paraxe natural da Fraga das Saímas e os Montes do Buio como fonte de riqueza ambiental, cultural e turística promovendo unha cultura de ocio saudable a través de iniciativas coma a organización deste certame fotográfico
Se queres ver a programación da 44ª edición da Rapa das Bestas do curro do Candaoso-2012 podes picar neste enlace:
A continuación e de xeito resumido detallamos algúns dos principais aspectos das bases da convocatoria do concurso “imaxesRAPAcandaoso-2013”:
BASES
TEMA
A temática única do concurso é o reflexo máis completo e descritivo posible da celebración da Rapa das Bestas do Curro do Candaoso-2013 e cuxo lema leva por título “imaxesRAPAcandaoso-2013”. As organizadoras deste certame deixan total liberdade para que cada participante exprese a súa creatividade e amose, a través desta, a beleza e os valores culturais, etnográficos e paisaxísticos que se desprenden durante a celebración desta festa tradicional, ao obxecto de incitar aos potenciais viaxeiros a descubrir lugares con encanto na Mariña Lucense como son os Montes do Buio ou a Fraga das Saímas .
As fotografías téñense que realizar en xullo, durante a celebración da XLV edición da Rapa das bestas do Curro do Candaoso (Montes do Buio). Parroquia de Sto André de Boimente (Viveiro).
PARTICIPANTES
Este concurso vai dirixido a todas aquelas persoas maiores de 18 anos afeccionadas ou profesionais da fotografía e amantes da natureza.
OBRA
As fotografías presentadas ao concurso deberán ser orixinais, inéditas (que non foron expostas en público con anterioridade á data de presentación, nin publicadas en catálogos, revistas ou calquera outro medio xa sexa gráfico, audiovisual ou interactivo), que non foran premiadas con anterioridade e de propiedade do/a autor/a. Non se poderán ter explotado comercialmente, xa sexa con fins xornalísticos, publicitarios ou calquera outro.
NÚMERO DE OBRAS
Cada participante poderá presentar un máximo de DÚAS fotografías ou DÚAS series fotográficas. As fotografías só poderán ser presentadas polos seus propios autores.
FORMATO E TÉCNICA
Formato e tamaño: TIFF ou JPEG en calidade máxima. Tamaño mínimo de 600 píxeles de lado maior.
As fotografías poderán presentarse en cor, branco e negro e en todas as súas técnicas, incluso dixital.
As fotografías poderán ser individuais ou compor unha serie máximo de 4 imaxes. Podendo ser estas do mesmo momento e temática ou de momentos e actividades distintas (subida ao monte, xunta das bestas, loita de garañóns, rapa e solta cara o monte, descanso das bestas, xantar dos romeiros, carreiras de cabalos, etc.)
Os traballos poderán presentarse por correo postal ou correo electrónico e sempre atendendo aos requisitos establecidos nas claúsulas 3 e 4 das bases do concurso.
PRESENTACIÓN
A presentación da obra por correo postal farase ao domicilio social da Asociación Fraga das Saímas e enviarase en dous formatos:
- Impresa en papel fotográfico (mínimo de 18x24 cm. e o máximo de 30x40 cm.)
- Gravada nun CD, en formato dixital (preferentemente .TIF ou no seu caso .JPG), cun mínimo de tamaño de 600 píxeles de lado maior.
2) A presentación por correo electrónico farase enviando cada traballo fotográfico por separado á seguinte dirección fragadassaimas@gmail.com
PREMIOS E EXPOSICIÓN
PREMIOS
Primeiro premio dotado con 250 euros en metálico
Segundo premio dotado con 120 euros en metálico
Terceiro premio dotado con 100 euros en metálico
Dous accésits dotados cada un con 30 euros en metálico ás dúas fotografías/ou serie fotográfica non premiadas anteriormente.
EXPOSICIÓN DAS OBRAS SELECCIONADAS
Unha vez outorgados os premios levarase a cabo una exposición no Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente das obras gañadoras xunto coas fotografías finalistas seleccionadas polo xurado do concurso.
ENTREGA DE PREMIOS
A entrega de premios poderase efectuar nun acto público na data que determine o colectivo Fraga das Saímas e que será comunicada con suficiente antelación ás persoas premiadas. Os autores dos traballos premiados deberán estar presentes neste acto ou no seu defecto deberá acudir un representante debidamente autorizado.
PRAZO PARA ENTREGAR OS TRABALLOS FOTOGRÁFICOS
A data límite para a recepción dos traballos será o 31 de AGOSTO de 2013.
ACEPTACIÓN
A presentación das fotografías ao concurso implica a aceptación de todas e cada unha das presentes BASES E CONDICIÓNS e da decisión inapelable do xurado.
Para obter máis información podes descargar as bases do concurso na seguinte dirección http://mulleresfragadassaimas.blogspot.com (na carpeta de documentos), solicitalas ao correo electrónico fragadassaimas@gmail.com ou ben poñerte en contacto coa entidade organizadora. Teléfonos 669 250 948 (Flor) ou 610 00 77 46 (Gloria)
- blogue de Fragadassaimas
- Engadir novo comentario.
- 9152 lecturas
INAUGURACIÓN BIBLIOTECA VECIÑAL NA FESTA DAS LETRAS GALEGAS DO COLECTIVO FRAGA DAS SAÍMAS
O COLECTIVO DE MULLERES "FRAGA DAS SAÍMAS" INAUGUROU ESTA FIN DE SEMANA, NO MARCO DA CELEBRACIÓN DA FESTA DAS LETRAS GALEGAS 2013, A SÚA BIBLIOTECA VECIÑAL
Os actos comezaron ás 18.00 h coa intervención de Flor Chao, Presidenta da asociación Fraga das Saímas, que exerceu de mestra de ceremonias da nova Biblioteca veciñal por desexo expreso da súa Directiva e a cal quixo que fora a celebración do Día das Letras Galegas-2013 a data na que se abriran as portas da Biblioteca Fraga das Saímas por ser o marco ideal para a súa presentación oficial , según palabras da propia presidenta. Durante a súa intervención, Flor Chao convidou ás súas socias e veciños de San Andrés de Boimente a facer uso deste novo espazo cultural e animou aos veciños do concello de Viveiro a facerse socios da recén estreada Biblioteca veciñal.
Coa posta en marcha desta Biblioteca veciñal, grazas ás doazóns de fondos bibliográficos da Fundación Pedro Barrié de La Maza, a Fundación Sotavento e as socias Elsa, Flor e Gloria, o colectivo Fraga das Saímas quixo sumarse na defensa do acceso ao coñecemento e á información en igualdade de condicións para todas e todos, na defensa do fortalecemento do hábito lector e na defensa do coñecemento da literatura e o patrimonio cultural.
Logo da inauguración, onde a Directiva agasallou ao medio cento de asistentes cunhas libretas conmemorativas, o grupo de teatro aficionado de Fazouro “A Adala” representou a comedia “Enredos” onde o público non foi quen de parar de rir ata o remate desta peza teatral de Francisco Piñeiro.
- blogue de Fragadassaimas
- Engadir novo comentario.
- 9300 lecturas
Iniciar sesión
RuraisLAB Galego
RuraisLAB é un laboratorio ciudadán para a innovación social no medio rural, baseado nas necesidades e inquietudes da muller.
Archivo
- Marzo 2021 (1)
- Decembro 2020 (3)
- Xullo 2020 (2)
- Marzo 2020 (4)
- Febreiro 2020 (3)
- Decembro 2019 (1)
- Outubro 2019 (2)
- Agosto 2019 (2)
- Xullo 2019 (1)
- Xuño 2019 (2)